O Futuro
A Banda Xuvenil da Banda de Lalín nace xa fai máis de dez anos, por iniciativa dun grupo de músicos mestres da Escola da Banda de Lalín coordinados por Luís Areán Taboada e co apoio do Padroado Cultural da vila.
O número de integrantes nos seus inicios foi de arredor de 30 rapaces e rapazas de idades entre os 8 e os 18 anos, chegando actualmente a ser máis de 50, algúns deles xa na Banda de Lalín.
A Banda Xuvenil de Lalín, xunto coa Banda Infantil, supón para os rapaces o poñer en práctica en primeira instancia, as ensinanzas musicais que reciben no Conservatorio Profesional de Lalín e na Escola da Banda de Lalín, converténdose no viveiro de futuros músicos.
Nos últimos anos esta Banda-escola estase a consolidar paseniñamente, sobre todo coa realización de varios proxectos que acercan a música ó pobo, ben sexa a través concertos en centros educativos (I.E.S. Ramón Mª Aller, o I.E.S. Pintor Colmeiro, I.E.S. Laxeiro, etc.) ou na vila e no concello de Lalín, ou co intercambio formativo-musical con outras agrupacións de similares características.
O resultado do esforzo compartido por rapaces e rapazas xunto con colaboradores da Banda de Lalín e o seu mestre estase a ver día a día nas súas actuación, deixando proba do seu grande nivel e o que é máis importante do seu gran potencial artístico, musical e persoal.